O IMCE vén de iniciar o expediente de extinción anticipada do contrato e suspensión da Feira Taurina da Coruña por razón de interese público. Nos vindeiros días, o Concello da Coruña procurará alcanzar coa empresa promotora (á que pola tarde se lle notificou a resolución e ten dez días para presentar alegacións) un acordo sobre a indemnización que proceda. O Goberno local, cumpre, deste xeito, un das súas promesas electorais de campaña, que pasaba por non ceder espazos públicos nin financiar espectáculos nos que se maltrate animais.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este luns ante os medios de comunicación que, neste tema, como no resto, o Concello actuará sempre “en función do interese común”. O rexedor recordou que hai publicadas enquisas que aseguran que a maioría da cidadanía coruñesa está en contra da Feira Taurina. “Pero esa percepción non a din só as sondaxes, tamén a escasa afluencia que ten a feira nos últimos anos, cun aforo sempre por debaixo do razoable”, dixo.
Ferreiro explicou, que ademais de tratarse dunha promesa electoral do grupo de Goberno, o Concello sostén que “rescindir o contrario lle vai saír máis barato á Coruña que manter este festexo”. “Cremos que hai causas de interese xeral, incluídas nunha cláusula, que apoian a nosa decisión de rescindir o contrato coa empresa”, engadiu.
“Non temos capacidade para prohibir esta actividade, se se fai de forma privada, pero si temos capacidade para ceder ou non o Coliseum para que acolla este tipo de espectáculos”, explicou o alcalde coruñés, que lembrou como “o ano pasado había máis xente manifestándose en contra das touradas que como público nas mesmas”. “Os cálculos son diversos, pero pensamos que para o Concello a Feira Taurina supón un desembolso aproximado duns 60.000 euros; dos que esperamos aforrar 50.000”, indicou.