Galería

Valentín González Formoso, elexido Presidente da Deputación Da Coruña

16-7-2015    PLENO 75S6

Discurso de toma de posesión do Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso:

Excelentísimas autoridades, señoras e señores deputados, funcionarios e traballadores da Deputación, representantes dos medios de comunicación, queridos amigos.

 

Bós días a todos e moitas grazas por acompañarnos esta mañá.

 

Permitídeme que comece a miña intervención cun breve pero inexcusable capítulo de agradecementos.

 

En primeiro lugar ás nosas familias, as de todos os que asumimos responsabilidades políticas, polo seu apoio constante e pola súa xenerosidade, a pesar dos incontables momentos de ausencia que as nosas adicacións públicas lles suponen.

 

Grazas tamén aos meus veciños e veciñas das Pontes por ter confiado en min durante todos estes anos para ser o seu alcalde. Non defraudarei esa confianza e compatibilizarei o cargo de presidente da Deputación coa alcaldía porque así o comprometín con eles. Sei que esta decisión esixirá maior dedicación e esforzo pola miña parte, pero estou disposto a asumilo con ilusión e entrega e coa vontade de desempeñar ambas responsabilidades o mellor que poda e saiba.

 

Quero agradecer tamén a confianza depositada en min pola dirección do PSOE, do PSdeG, e polos deputados do Grupo Provincial Socialista ao propor a miña designación como candidato á presidencia da Deputación da Coruña, así como o apoio dos grupos, que así o acaban de expresar, para favorecer unha oportunidade, a dun proxecto progresista para a provincia, seguindo a vontade de cambio expresada democráticamente nas últimas eleccións, que leva implícitas esixencias que debemos ter moi presentes durante todo o mandato que hoxe comeza: eficiencia, cercanía aos problemas reais da cidadanía, diálogo coa sociedade civil, coas entidades que representan á cidadanía máis cercanamente, os concellos, e —por suposto— diálogo entre as forzas políticas nesta corporación representadas.

 

Corporación plural e diversas que vimos de constituir, tal e como decicidiu a cidadanía coruñesa o pasado 24 de maio, elixindo aos seus alcaldes, alcaldesas e concelleiros nos 93 concellos da provincia. Unha corporación sen maiorías absolutas, na que están representadas seis forzas políticas, con diferentes ideas e sensibilidades, o que esixirá dos seus membros espírito construtivo, diálogo, entendemento e altura de miras en aras do ben común, no que todos coincidimos

 

 

Comprométome a liderar un goberno provincial que escoite con respecto a todo o mundo,  porque estou convencido de que esta actitude aberta é imprescindible — hoxe máis que nunca—   para a adecuada xestión dos asuntos públicos. Por iso reiterarei as veces que sexa necesario esta posición de man tendida, de disposición permanente para atopar o consenso e o acordo, como se ten feito sempre nesta Deputación, e sempre con bós resultados.

 

Este será o noso estilo de gobernar, e por iso pedirei tamén reciprocidade nesta actitude por parte dos diferentes grupos políticos aquí representados, estean no goberno ou na oposición.

 

Señoras e señores deputados,

 

Son consciente de que, cada certo tempo, está sobre a mesa un debate principal sobre a propia existencia das deputacións.

 

O debate sobre a estrutura e a organización territorial do Estado debe abordarse con serenidade e calma nas instancias que correspondan, reformando o que sexa preciso na procura dunha administración máis áxil e eficiente ao servizo dos cidadáns.

 

É unha cuestión que penso que debe levarse a cabo co máximo consenso, non impoñendo unilateralmente un modelo de Reforma Local que recorta ostensiblemente a autonomía municipal, porque os cambios sustanciais nas institucións que nos representan a todos e nas súas competencias non deben estar guiadas pola visión cortoplacista do oportunismo político, senón que deben ter vocación de estabilidade e permanecia no tempo. E para iso deben ser froito do consenso, non da imposición.

 

A existencia das deputacións está regulada no artigo 141 da Constitución española e, polo tanto, mentres o noso ordeamento xurídico as contemple, o noso deber é prestixialas, facéndoas administracións modernas e, eficientes, transparentes, resolutivas e, sobre todo, útiles aos cidadáns.

 

Vivimos na provincia máis urbana e con máis poboación de Galicia, con preto de 1.150.000 habitantes, pero aínda así o 77% dos concellos coruñeses teñen menos de 10.000 veciños. Nun escenario como éste, contar cunha administración de apoio aos municipios que garanta a prestación de servizos básicos aos cidadáns é unha ferramenta poderosa, pois contribúe á igualdade efectiva dos cidadáns da Coruña, independentemente da dimensión poboacional ou da capacidade financieira do concello onde residan.

 

Entendo que non debemos ver á Deputación como algo distinto e alleo aos concellos, senón como os propios concellos traballando xuntos, colaborando solidariamente, para levar á práctica o vello axioma: “A unión fai a forza”.

 

Todas as deputadas e deputados que formamos parte da corporación provincial que acabamos de constituir somos alcaldes ou concelleiros dos nosos pobos e cidades. Como tales, todos queremos e procuramos os mellores servizos, infraestruturas e actividades para as nosas vilas e para os nosos veciños. Pero pídovos dende o primeiro día que, cando nos sentemos nestes escaños, ampliemos esa visión estrictamente local e levemos as nosas miras ao eido provincial que aquí representamos. Que pensemos e actuemos globalmente, obxectivamente, estratéxicamente e solidariamente… sendo conscientes de que, facéndoo así, o todo provincial será máis que a suma dos 93 municipios que o integran.

 

Esta é a visión que teño do goberno provincial.

 

Sei que requerirá de certos cambios na dinámica de funcionamento da Deputación nos últimos anos e de importantes doses de solidariedade entre os concellos para levala á práctica. Pero creo que se deixamos de mirar o mapa pola cor política de cada municipio, se remamos xuntos na mesma dirección, se cooperamos máis cos concellos que máis o necesitan, se potenciamos as nosas fortalezas e  paliamos as nosas debilidades como provincia, ao final deste mandato todos sairemos gañando.

 

Neste sentido, quero anunciarlles a nosas intención de mellorar a cooperación e a colaboración intermunicipal creando neste mandato unha Mesa de Diálogo cos concellos para recoller as propostas e suxestións para a planificación dos diversos plans de investimentos, así mesmo promoveremos como órgano consultivo un Consello Provincial de Alcaldes e Alcaldesas, foro onde intercambiar experiencias na xestión municipal dos 93 concellos da Coruña, dende a convicción de que as mellores prácticas deben ser postas en valor.

 

Ademáis da creación deste novo órgano, algúns dos principais obxectivos do goberno provincial para os vindeiros catro anos serán:

 

  • Como prioridade, Seguir cooperando con TODOS os concellos e apoialos nos seus ámbitos competenciais de actuación, atendendo especialmente aos municipios con menor poboación e menor capacidade económica ou de xestión. Somos conscientes das dificultades técnicas e económicas que enfrontan a diario moitos pequenos municipios da provincia, singularmente no ámbito rural, e das súas dificultades para garantir a prestación de servizos públicos básicos. Por iso a Deputación da Coruña estará ao seu carón para axudalos e garantir así a igualdade de oportunidades de todos os cidadáns da Coruña, independentemente do concello onde vivan.

 

  • Promoveremos e coordinaremos o desenvolvemento de novos programas e accións de carácter intermunicipal que favorezan a colaboración e o traballo en rede e permitan aproveitar as singularidades e sinerxias comarcais en materias como os servizos sociais, o turismo, a cultura, ou as accións de promoción económica, co obxectivo de substituir competición por colaboración nas relacións entre os concellos.

 

  • Seguiremos tamén desenvolvendo plans provinciais de apoio e cooperación cos municipios como os que se veñen facendo na Deputación, con gobernos de diferente signo político, dende o inicio da crise en 2008 e que demostraron ser ferramentas de gran utilidade para manter os servizos e actividades dos concellos coruñeses durante todos estes anos de dificultade económica, aplicandos criterios obxectivos para o reparto equilibrado dos fondos, como os empregados durante os últimos 25 anos para o POS, evitando así o perxuízo aos concellos pequenos e medianos, que son ou deberían ser os principais destinatarios das accións da Deputación.

 

 

 

  • Faremos unha organización política sinxela pero eficaz, que daremos a coñecer nuns días. Unha vez que analicemos a realidade económica e administrativa desta institución, elaboraremos un plan para reducir o gasto corrente e de funcionamento, os gastos de representación e publicidade, e para mellorar a coordinación entre administración e eliminar as duplicidades que aínda existan na xestión pública. Se, como dixen antes, entendemos que concellos e deputación son a mesma cousa e non entidades diferentes, non podemos permitirnos pagar dúas veces polo mesmo servizo. Neste sentido, impulsaremos tamén reunións coa Xunta de Galicia que nos permitan chegar a acordos de delimitación competencial  de cada administración e optimizar así a asignación de recursos.

 

  • Traballaremos tamén dende o maior compromiso cunha das bandeiras de esta institución: a transparencia na xestión.

 

 

 

  • Por suposto, blindaremos o investimento social, co compromiso de que o orzamento que destinamos a esta área non será nunca inferior ao do ano anterior, e priorizaremos as accións que contribúan á creación de emprego e ao desenvolvemento económico da provincia.

 

  • Queremos implicarnos tamén dende a provincia no que segue a ser o principal problema para os cidadáns, un problema que hoxe sofren directamente os 90.200 coruñeses e coruñesas que engrosan as listas do paro, aínda que o fomento do emprego non entra estrictamente no ámbito competencial da Deputación. Por iso, ademáis de manter os programas e accións que xa desenvolve a Deputación nesta área, desenvolveremos accións para coordinar mellor as diferentes accións de formación e fomento do emprego e apoio a emprendedores. Queremos que os sectores produtivos, dentro das limitacións competenciais que temos, sintan a implicación e apoio desta institución provincial, que debe fomentar as potencialidades de ditos sectores e da nosa provincia.

 

 

 

Comezamos hoxe unha nova etapa na Deputación da Coruña. Supón para min un gran honor e unha gran responsabilidade presidir o goberno provincial nun mandato que — como dixen — espero e desexo que se caracterice pola máxima colaboración e   entendemento entre todos.

 

Tamén cos funcionarios e funcionarias desta casa. Sei que sodes un equipo humano experimentado, cualificado e eficaz, e quero — dende o primeiro minuto— pedir a vosa confianza e colaboración para traballar xuntos por unha Deputación mellor, da que todos nos sintamos orgullosos.

 

Ninguén mellor que vós coñece o que se pode cambiar en cada área, en cada sección e departamento, para mellorar a xestión. Por iso, as portas do meu despacho estarán sempre abertas para escoitar as vosas ideas e suxestións.

 

Señoras e señores deputados, remato xa.

 

 

Ao longo da historia, todo progreso parteu sempre do espírito crítico, da ambición de mellorar ou cambiar o establecido; pero non hai progreso sen esforzo.

 

Nesta vella institución que enfronta novos retos, emprázovos a que traballemos todos xuntos para superalos.

 

Pola miña banda, comprométome a traballar para que a Deputación sexa máis eficaz na xestión, máis transparente e máis útil para todos os concellos e cidadáns coruñeses neste novo tempo político.

 

Para que sexa o motor económico que impulse o desenvolvemento da provincia e continúe garantindo a igualdade de oportunidades dos coruñeses no acceso aos servizos públicos, independentemente do lugar onde vivan.

 

Comprométome a traballar para que todos e cada un dos 93 concellos desta provincia se sintan non só representados, senón parte activa e fundamental da Deputación da Coruña.

 

Moitas grazas.

 

 

 

Anuncios
de boletincoruna Publicado en Noticias

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s