Galería

A concelleira de Xustiza Social matiza que as accións herdadas pola súa familia en Carnicosa están sen adxudicar e non son súas

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, explicou na mañá deste luns a procedencia das accións que aparecen na súa declaración de bens, feita pública o
pasado xoves, ao igual que a do resto de concelleiras e concelleiras do equipo do Goberno, dentro da política transparencia da Administración local. Como sinalou Cameán, as accións de “Carnicosa” forman parte da herdanza que recibiu a unidade familiar, que forma xunto coa súa irmá, tras o falecemento do seu pai: “A día de hoxe estanse a realizar os trámites legais oportunos, polo que está pendente de facerse a partición hereditaria e, polo tanto, está sen adxudicar”. Tal como informou a responsable municipal, a decisión sobre o destino destes bens “será coherente coa
súa liña política e, por tanto, co Código Ético da Marea Atlántica”, malia que a xestión se realizará “no ámbito estritamente familiar e privado”.

Na mesma liña pronunciouse este luns o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ao ser preguntado polas críticas dos colectivos taurinos tras darse a coñecer a información sobre os bens do Goberno local de forma detallada. “Nin sequera as accións son súas, son da masa hereditaria”, lembrou o alcalde, tras reiterar que as accións forman parte dunha herdanza que está por repartir. Neste sentido, Ferreiro tachou de “intranscendente” a polémica e cualificouna como unha “hipocrisía” por parte
dos colectivos favorables ás touradas. “Taurinos veganos, é unha boa cousa”, ironizou o rexedor.

de boletincoruna Publicado en Noticias

Deja un comentario