Galería

O Concello da Coruña presenta unhas festas que unen “legado e renovación”, potencian os barrios e son un 60% máis baratas

20150729 JOSÉ MANUEL SANDE- FESTAS MARÍA PITA 2015 1

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este mércores o programa das Festas de María Pita, que arrancarán o sábado 1 de agosto co pregón do artista Xurxo Souto e que se estenderán até o día 30. Uns festexos, nas súas palabras, que cumpren unha serie de requisitos “fundamentais”, como ser “unha mostra de austeridade e aforro, mesturar legado e renovación, apoiar significativamente á creación local en todas as súas vertentes e potenciar e enriquecer as festas nos barrios”.

O concelleiro destacou á figura de Xurxo Souto como pregoeiro das festas de 2015. “É un recoñecemento a súa traxectoria. É unha anomalía que non tiña sido antes pregoeiro das festas”, opinou, á vez que recordou que este ano se cumpre o 25 aniversario dos Diplomáticos de Monte Alto.

Pola súa banda, o músico e escritor quixo agradecer o convite do Concello da Coruña. “Ser pregoeiro é a máis alta consideración que podo ter recibido. Saír a María Pita e amosar a emoción colectiva de toda unha cidade”, dixo. “Somos unha cidade superdotada para a festa e para a alegría. Fago un chamado colectivo para estas sexan uns festexos activos”, indicou, á vez que prometeu levar a cabo o sábado “un ritual para a historia”. Tamén na rolda de prensa deste mércores presentouse o cartaz das festas, cuxa ilustración e deseño corre a cargo do artista Carlos Arrojo. “Intentei facer un cartel no que todos os coruñeses se poidan sentir identificados, cunhas festas que todos celebremos unidos”, dixo.

Sande indicou que as festas artelladas para este ano axústanse a uns prezos “realistas e consecuentes”. “Nos últimos anos, o gasto en festas foi en crecemento constante”, dixo o concelleiro, quen recordou que no último exercicio chegou aos dous millóns de euros. “Nos anteriores exercicios o investimento foi similar: 1,7 millóns en 2012, por exemplo”, recordou, para engadir: “Polo contrario ao que nos atopamos nós neste cambio de Goberno, a situación en 2011 foi ben distinta, xa que o PSOE deixoulle ao novo Goberno parte das festas pechadas e o crédito habilitado”.

Nesta ocasión, o orzamento para as festas non chega aos 800.000 euros, o que representa “preto dun 40% do que se presupostou o ano anterior”. “Pero que sexan unhas festas austeras non está enfrontado nin coa calidade nin cos artistas. Culturalmente é unha oferta rica e diversificada, para todas as capas de poboación”, indicou o concelleiro de Culturas.

“Trátase dunhas festas que apostan pola participación de todos e de todas e que se desenvolveron nun tempo récord xa que, neste caso, as actividades non estaban pechadas pola anterior corporación municipal. Fixemos nun mes un traballo para o que se precisan catro meses”, explicou.

As festas deste agosto abrirán o sábado, día 1, co pregón de Xurxo Souto e o concerto de Ana Beléne Víctor Manuel e aunarán renovación con actividades populares como é o c aso da Romaría de Santa Margarita. Haberá citas clásicas como o festival de Habaneras ou o Teresa Herrera, e concertos gratuítos para grandes públicos que viran da man do Noroeste. A Orquesta Sinfónica de Galicia, así como a Banda Municipal tamén terán un papel destacado, con concertos en María Pita, entre o 21 e o 23 de agosto.

A aposta polas artes escénicas plasmase en diversas actividades como o Festival Manicómicos, Familirúa, Transcénicas, Campo Magnético e os Títeres das Bárbaras, que ofrecen diversas actividades para todas as idades. Como noutras edicións, ocupará un lugar destacado o Salón Internacional de Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico, así como a XLIV Feira do Libro e XXIII Feira do Libro de Ocasión.

Nesta edición, incidirase na “descentralización” e se potenciarán as actividades e festexos naqueles barrios que, tradicionalmente, celebran as súas propias festas no mes de agosto, dentro da programación de María Pita. O Castrillón contará con diversas actividades entre o 17 e o 18 de agosto; Eirís (20 de agosto); Os CastrosGaiteira (20-21 de agosto); Barrio das Flores (21-22 de agosto); San Cristovo das Viñas (22-23 de agosto), Pedralonga (27) e Novo Mesoiro (28-29-30). Nos próximos días darase a coñecer o programa definitivo das actividades nos barrios.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s