Galería

Xulio Ferreiro insta á Xunta a asumir as súas responsabilidades na Coruña en temas como o centro de saúde de Santa Lucía, as Urxencias do CHUAC ou os asentamentos precarios

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reunirase este venres coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para falar dos temas urxentes da cidade, un dos cales, segundo informou na mañá deste mércores o rexedor en rolda de prensa, é o centro de saúde do mercado de Santa Lucía. “A nosa intención é activar o protocolo asinado, e que non se desenvolveu, e reafirmar ese compromiso que xa consta da Xunta de Galicia para acometer as obras para poder ter un centro de saúde tan necesario para este barrio da Coruña”, sinalou Ferreiro, quen subliñou en que buscará un “compromiso real” nos Orzamentos da Xunta para o proxecto.

Ao encontro, o alcalde levará outros temas que afectan á cidade, como é o estado das Emerxencias do Chuac, ante as denuncias deste verán por parte de usuarios e traballadores e traballadoras por incidencias como esperas ou faltas de atención. Tamén, tal e como avanzou Ferreiro, na xuntanza entrarase a valorar a actuación a raíz do accidente de Carral ante as “disfuncións” observadas, para aclarar a actividade do Sergas e do Concello. “Aínda que finalmente as familias estiveron atendidas no Chuac o sábado, hai cousas que se poden mellorar de como foi todo”, considerou.

Así mesmo, o alcalde indicou este mércores que espera ter “maior receptividade” nesta reunión da que percibiron os concelleiros de Servizos Sociais e Coidados, Silvia Cameán, e de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, no encontro de onte co responsable de Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). “Fronte ao que me pareceu entender na miña entrevista co presidente da Xunta de que había ánimo de colaborar en proxectos importantes, como o Plan de Erradicación de Asentamentos Precarios, a sensación que levaron ambos concelleiros non foi a mesma. Hai
determinados asuntos que son de cidade, que son de país, como os que teñen que ver co benestar dos nosos veciños e veciñas, coa educación ou a sanidade, e nos que A Coruña necesita e demanda a implicación da Xunta de Galicia. Os coruñeses tamén somos galegos e a Xunta ten que asumir a súa parte, e agardamos que no tema de Santa Lucía poidamos ter un compromiso claro da Consellería de Sanidade”, sinalou o alcalde.

Ferreiro referiuse tamén ás demandas do director xeral do IGVS para que os Servizos Sociais municipais actúen en Novo Mesoiro, para deixar claro que os Servizos Sociais do Concello teñen en conta as necesidades dos veciños e veciñas da Coruña “sexa de quen sexa a propiedade na que residen”. “Non entendo ben esa esixencia para que nos fagamos cargo desas persoas porque o facemos e o faremos como con calquera outro veciño ou veciña da Coruña que estea nunha situación onde precise dos Servizo Social. Aquí, os Servizos Sociais da Coruña non se están eximindo de ningunha responsabilidade”, salientou. “Entendemos que o IGVS non está xestionando de maneira adecuada esas vivendas, a proba é o que está pasando, e entendemos que seguramente sería o Concello, como administración máis próxima, a máis axeitada para xestionala, por iso pedimos o traslado de titularidade”, engadiu o rexedor, matizando que se tratan de dous temas desligados entre si. “Nós non condicionamos a asistencia social ás persoas que o necesiten en ningún ámbito desta cidade, e baixo ningunha circunstancia, a leas entre institucións”, incidiu.

 

Festas do Rosario

Por outra banda, o alcalde reuniuse na mañá deste mércores co padre prior dos Dominicos, Alejandro Pérez García, para falar das festas do Rosario e aclarar a posición do goberno municipal, un encontro que, tal como valorou Ferreiro foi “moi cordial” e de entendemento coa postura municipal. “A festa do Rosario, de acordo co criterio que mantivemos desde o principio do mandato sobre a relación entre administración e relixión, non a vai organizar o Concello; entendemos que por ser unha festa relixiosa non nos corresponde como administración”, informou o rexedor, quen indicou que os organizadores terán a “máxima colaboración do Concello”. “Haberá procesión, claro
que a haberá. E a Policía Local estará atenta a que esa procesión transcorra coa maior normalidade, e cortaranse as rúas que haxa que cortar. O que non vai facer o Concello é invitar a xente a unha misa”, apuntou Ferreiro, quen insistiu en que a postura do Goberno local está clara: “Este Concello colaborará tanto como con outros sectores da cidade nunha iniciativa que vén da cidade, dun sector da cidade que merece tanto respecto como os demais”.

 

Carreiras

Na comparecencia ante os medios de comunicación, e a preguntas sobre as carreiras que se desenvolven na cidade, o alcalde destacou o “apoio absoluto” do Concello ao deporte e as carreiras populares. “Que non quede ningunha dúbida. O apoio ao deporte de base é unha liña importante do noso programa, o está a ser na actuación da Concellería de Deporte e o seguirá sendo, máis alá de determinados axustes e determinadas orientacións que se lle queiran dar”, sinalou, e lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos amantes do deporte: “Este Goberno municipal manterá os eventos
deportivos que teñen éxito e potenciará aqueles outros nos que a xente está contenta”.

En relación aos prezos do Coruña 10, Coruña 21 e Coruña 42, Ferreiro recoñeceu que se producirá unha pequena suba, que servirá para cubrir a organización, e lembrou ademais que os prezos son moi baratos se se comparan con outros circuítos de carreiras doutras cidades e provincias.

Sobre a Carreira da Muller, o rexedor aclarou os motivos polos que o Concello non aparecerá como parte da organización do evento. “O logo do Concello debe ir nas actividades nas que podemos decidir sobre como se fan. A Carreira da Muller chega como un evento pechado onde non temos posibilidades de decidir nada e onde hai unha serie de cuestións que responden a certos tópicos sobre a muller que desde o Concello non vemos axeitado potenciar, como que vaia ligado o deporte e a muller a unha revista do corazón ou a unha bolsa de maquillaxe”, expuxo Ferreiro, quen recoñeceu a parte “positiva” desta actividade, como é a promoción de deporte ou da loita contra o
cancro. O alcalde lembrou que a carreira se vai disputar e vai ter “as máximas facilidades para que se celebre: Policía Local, peche das rúas… non haberá ningunha diferencia, unicamente o Concello non aparecerá, o cal é normal en algo onde ti non podes decidir onde se fai”, clarificou.

Anuncios
de boletincoruna Publicado en Noticias

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s