Galería

O TSXG obriga a cambiar a cualificación duns terreos en Vío e Baños de Arteixo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir, o pasado mes de setembro, as súas primeiras catro sentenzas relativas ao actual Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) da Coruña, aprobado de forma definitiva no 2013, en resposta a outros tantos recursos formulados por propietarios particulares e, nun dos casos, unha entidade promotora. En dúas das resolucións, que se refiren á ordenación de varios solares e viario no Plan Parcial de Vío e á cualificación doutra parcela na estrada de Baños de Arteixo, o tribunal dá a razón aos recorrentes (de forma parcial no caso de Vío) e obriga a modificar o planeamento que recolle o PXOM.

No recurso presentado contra a cualificación do solo da parcela que ocupa unha nave de 600 metros
cadrados na estrada de Baños de Arteixo, o TSXG avala a súa clasificación como solo urbano consolidado, tal como recollía o PXOM do 1998, unha categorización que foi mudada no actual
documento de planeamento urbanístico para incluíla nun polígono urbano non consolidado. A resolución xudicial estima o recurso das persoas propietarias e considera que non procede a degradación (de solo consolidado a non consolidado) polo feito de que o Plan Xeral do 2013 propoña unha reordenación da zona, cunha mellora de accesibilidade ás parcelas de uso industrial
da avenida de Arteixo.

En canto ao procedemento relativo aos terreos de Vío, a promotora recorrente alegaba que o planeamento urbanístico debe manter as condicións de ordenación do Plan de Vío aprobado no 2003 contra o criterio do Concello, que mantiña que os cambios introducidos polo PXOM do 2013 tiñan como finalidade protexer o núcleo tradicional de Vío, ao crear un espazo intermedio entre o núcleo e as parcelas do polígono. A sentenza estima algunhas das pretensións da promotora, por considerar que o cambio que propón o PXOM carece de motivación e sofre de falta de racionalidade. O fallo anula as determinación do PXOM respecto das cinco parcelas en litixio (non no relativo ao vial 5), nun espazo cuxa urbanización foi xa executada e recepcionada polo Concello durante o mandato do anterior Goberno local, en marzo deste ano.

Nas outras dúas sentenzas, relativas a varias parcelas nas rúas de Nova Iorque e Zurich da Zapateira, o TSXG avala a clasificación do solo que recolle o planeamento urbanístico fronte aos recursos das persoas recorrentes. No primeiro dos ditames, a Sala do Contencioso Administrativo confirma a cualificación de solo urbano non consolidado de dúas fincas na rúa Zurich que recolle o Plan Especial P40 do PXOM, ao entender que, aínda que as parcelas dan a un viario, este presenta características de “evidente insuficiencia para soster a esixencia dun verdadeiro solo urbano consolidado” dada a estreiteza do vial e a carencia de beirarrúas. “Resulta clara a necesidade de acometer o proceso de urbanización que permita a obtención do vial axeitado para os fins que lle son propios”, conclúe o tribunal.

O segundo recurso ía dirixido a impugnar a clasificación urbanística dunha finca da rúa Nova Iorque, para pedir a súa cualificación como solo urbano consolidado, unha solicitude que recibiu no seu momento o respaldo do Concello, aínda que non a da Xunta, que defendeu a clasificación que recolle o PXOM como solo urbano non consolidado. A sentenza do TSXG desestima o recurso e confirma a tese da Xunta, ao entender que “non se xustifica que a finca conte cos servizos necesarios nin que se integre na malla urbana”. Respecto da posición do Goberno municipal no proceso, o ditame sinala que “o feito de que o Concello, na aprobación inicial do PXOM (agosto de 2012), acollera favorablemente unha alegación referente a dita zona, na que se partía da condición de urbano consolidado do solo, non vincula á Administración autonómica no referente a dita categorización, nin impide o control xudicial ao respecto”.

Anuncios
de boletincoruna Publicado en Noticias

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s