Galería

A Coruña acollerá en 2017 o XXXVIII Congreso da Asociación Española de Endodoncia, que reunirá a 800 profesionais do sector

A cidade será sede, en novembro de 2017, do XXXVIII Congreso da Asociación Española de Endodoncia (AEDE), un encontro que reunirá a 800 profesionais da área sanitaria e cuxa confirmación, tal e como salientou na mañá deste xoves o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, “é froito da colaboración do Concello co sector turístico privado da Coruña”. Neste sentido, o responsable municipal amosou hoxe a súa satisfacción pola consecución deste evento, e subliñou que “A Coruña é unha das cidades de referencia dentro do mapa dos destinos do turismo congresual no Estado español”, e agradeceu ao doutor Juan Manuel Liñares Sixto o seu traballo para que este se leve a cabo.

O concelleiro de Emprego e Economía Social tamén informou hoxe dalgunhas das campañas de dinamización do comercio local e a hostalería que está a desenvolver o seu departamento, como é a
que o Concello ten previsto levar a cabo con motivo da festa do Samaín entre os días 19 e 30 deste mes de outubro en comercios e centros de ensino da cidade, que onte abriu o prazo para inscribirse nas actividades desta primeira edición.

A campaña está enfocada aos nenos e nenas e as súas familias, e nela participarán 12 centros escolares da cidade. O Concello organizará visitas entre os rapaces e rapazas de cada barrio polos negocios da súa zona para dar a coñecer o comercio local nun contexto festivo no que se misturará a tradición do Samaín, co Halloween e os magostos. Haberá tamén un concurso de escaparatismo, con premios de 300 euros en cada unha das 12 zonas comerciais establecidas, e un concurso de Vales de Compra, que repartirá 900 euros en vales para a clientela do comercio de proximidade da cidade. Os establecementos, asociados ou non, que o desexen poderán inscribirse, ou ben a través da súa asociación se a teñen, ou directamente mandando un mail cos seus datos antes do 15 de outubro participa@samaincoruna.com .

Tamén os centros de Educación Primaria poderán participar nas distintas actividades, que abranguen desde obradoiros de disfraces do Samaín, que se desenvolverá nos centros de ensino participantes, ao Pasarrúas ‘Truco ou Trato’, no que os rapaces e rapazas visitarán e valorarán os escaparates dos establecementos que optan ao premio acompañados do profesorado, ou a Procesión da Santa Compaña, o sábado 31 de outubro, que partirá da praza de María Pita e chegará ata o Pazo dos Deportes de Riazor, onde se celebrará un magosto e se premiará á procesión mellor caracterizada. A inscrición tamén debe realizarse no enderezo electrónico participa@samaincoruna.com .

Na rolda de prensa, o concelleiro de Emprego e Economía Social avanzou tamén as actividades que
se desenvolverán durante o Nadal, como a campaña de promoción do pequeno comercio ‘Papá Noel
por Barrio’, que se desenvolverá entre o 4 e o 24 de decembro en 13 barrios da cidade, que Papá Noel visitará, durante cinco horas ao día, para dar pulo ao comercio de proximidade. A acción, salientou Lema, sacouse a concurso por 95.000 euros e completarase coas actividades que se celebrarán na praza de María Pita, onde se ubicarán 20 postos de venda de produtos de Nadal reservados ao comercio local coruñés (un dos cales se destinará a fins solidarios), ademais dunha pista de xeo, un carrusel e o poboado lapón.

Entre as acción programadas pola concellería de Emprego e Economía Social, Lema citou tamén o I
Festival do Bocadillo Gourmet, unha iniciativa deseñada para potenciar a cidade como destino gastronómico e que terá lugar o próximo 5 de decembro no mercado de San Agustín, que albergará catro s howcookings con profesionais “de renome” da cidade e de fóra e un concurso para as escolas de hostalería da cidade, e onde tamén haberá oito postos de venda de bocadillos, unha taberna e
amenización musical cun DJ. O orzamento desta acción ascende a 30.000 euros.

Sobre estes eventos, Lema salientou que “todos os programas foron deseñados e nalgún caso ideados polo propio sector”. “O mellor é que tratemos de xuntar intelixencias e vontades, a prol da eficacia do propio evento”, engadiu.

 

Cursos de formación para o emprego

O concelleiro de Emprego e Economía Social dou tamén datos, na mañá deste xoves, dos dez cursos de formación para o emprego, dos que se beneficiarán 190 alumnos, e que darán comezo o próximo 26 de outubro. Tal e como destacou o concelleiro, ata 505 persoas inscribíronse nestes cursos (o prazo de inscrición remata hoxe), que abarcan desde deseño gráfico até soldadura, auxiliar de comercio, carpintería, xardinería, reparación de móbiles, pintura ou manipulación de alimentos. Tal e como indicou o responsable municipal, os cursos foron licitados por un orzamento de 215.000 euros e os contratos, aínda sendo menores, foron publicados no Perfil do Contratante para que puidera ampliarse o número de empresas.

de boletincoruna Publicado en Noticias

Deja un comentario