Galería

Alberto Lema destaca o papel “activo e loitador do sector hostaleiro” nos Premios Picadillo 2015

23-10-15 LEMA PICADILLO FAMILIA

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, entregou hoxe, nun acto celebrado na Fundación Luís Seoane, os galardóns da XXII edición dos Premios Picadillo, un dos concursos “con máis tradición e éxito da cidade”, segundo destacou o edil, e que serven para promocionar o traballo do sector da hostalería, entre o que reparte un total de 4.500 euros e, ademais, permite á propia poboación participar activamente deste certame sendo un membro máis do xurado. Tapas Picadillo, “concurso que leva o nome dun alcalde progresista que fixo historia na cidade”, lembrou o edil, “incita a gozar da cultura máis popular e arraigada da nosa terra, como é a gastronómica, que move ao seu redor o mundo da hostalería e dos mercados municipais”. Lema salientou “o papel loitador” do sector hostaleiro da Coruña “nestes momentos de dificultade”, e quixo destacar “a axuda do sector para activación económica da cidade”. Nesta liña, o responsable de Emprego e Economía Social salientou que desde a súa concellería “están traballando para poñer en valor a gastronomía” e lembrou a celebración, o vindeiro 5 de decembro, do I Festival de Bocadillo de Autor que terá lugar no mercado de San Agustín.

Este ano, o Premio Picadillo 2015 da Cidade da Coruña, que consiste nunha chaqueta de cociñeiro, trofeo conmemorativo, diploma e cheque de 1.500 euros foi a parar ao establecemento Alia Die coa taoa ‘Croquetalia’. Este é o galardón que entrega o público, xa que o gañador escóllese grazas ás votacións dos e das veciñas que puntuaron os seus pratos.

O Premio Picadillo á Mellor Tapa Tradicional, galardón que tamén consiste nun diploma, unha chaqueta e un cheque de 1.500 euros foi, por decisión do xurado especializado, para o Oído Cocina, polo seu ‘Rabo de Touro ao Mencía’.

Na categoría de Tapa Creativa, que recibiu os mesmos galardóns que a anterior, gañou o establecemento Central Park, co prato ‘Macaron de Foie Gras’. Ademais, nesta edición outorgáronse dúas mencións especiais (premiadas con diplomas) ao Surrey, na modalidade de Tapa Tradicional, por ‘León come Gamba’, e a Casa Ponte, no apartado de Tapa
Creativa por ‘Delicias de Risoto’.

A novidade deste ano consistía na inclusión dunha nova categoría no concurso, a de Maridaxe. Este premio está composto por unha estancia polas terras da Denominación de Orixe Valdeorras, con aloxamento en réxime de pensión completa, visita guiada ás adegas da D.O. e catas dos seus viños.

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras decidiu outorgar dous premios “debido ao nivel das tapas presentadas”. Un foi a parar ao Mesón Serrano, que presentou o plato ‘Cabaciña, bacallau, millo e ortigas’ maridado con Godeval branco 2014. O segundo foi para o Central Park con ‘Macaron de Foie’ maridado cun tostado Viñaredo 2013. Ademais do concelleiro de Emprego e Economía Social, ao acto celebrado esta mañá na Fundación Luís Seoane asistiron tanto os e as cociñeiras como o persoal propietario dos nove restaurantes finalistas, así como os e as integrantes do xurado Picadillo, do xurado Maridaxe e o presidente da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat.

Lema quixo destacar a boa acollida deste certame entre a poboación e a hostalería coruñesa, xa que nesta edición 2015, participaron un total de 74 establecementos da cidade, que presentaron un total de 97 tapas, entre tradicionais e creativas, das que 10 optaban ao premio de maridaxe. As propostas presentadas aos Premios Picadillo 2015 estarán a disposición do público nos locais ata o vindeiro 31 de decembro.

Anuncios
de boletincoruna Publicado en Noticias

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s