Galería

Il Maquinario Teatro e Chévere, as compañías gañadoras dos últimos Premios María Casares, actúan esta fin de semana na Coruña

29-10-15 JOSE MANUEL SANDE E TITO ASOREY 1

O teatro galego máis premiado no último ano chega esta fin de semana aos escenarios da cidade. Perplexo, de Il Maquinario Teatro, o mellor espectáculo dos XIX Premios María Casares, representarase no Teatro Rosalía Castro dentro do Ciclo Principal de Outono. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recoñeceu esta mañá nunha presentación no Pazo de María Pita que esta será “una gran fin de semana do teatro para a cidade”, xa que noutro dos recintos culturais da cidade, o Fórum Metropolitano, subirá ao escenario a outra compañía triunfadora da última edición dos premios do teatro galego, Chévere.

Ademais do recoñecemento ao mellor espectáculo nos premios do teatro galego, P erplexo gañou a mellor dirección, adaptación – tradución, iluminación e vestiario. Segundo o concelleiro de Culturas, o director de Perplexo Tito Asorey foi “o principal responsable do triunfo da obra”, ao acadar 3 dos 5 premios recollidos por Il Maquinario no mes de marzo no mesmo Teatro Rosalía (dirección, adaptación – tradución e iluminación). P erplexo , unha “comedia delirante, moi
entolecida”,  segundo Asorey, “fálanos da dificultade para atopar a nosa personalidade nun mundo moi cambiante”. A peza, baseado nun texto do autor alemán Marius Von Mayenburg, permite “experimentar en Galicia coas dramaturxias que se están facendo ao longo do mundo”, afirmou o director da obra.

A través dunha montaxe “potente e lúdica”, Il Maquinario xoga dun xeito “audaz” coa meta teatralidade (teatro dentro do teatro) poñendo en valor a escenografía, o vestiario e uso de novas tecnoloxías, logrando un ritmo “intenso e dinámico” que permitirá que “todo tipo de públicos, e non só o espectador avezado, poida gozar dos mecanismos do teatro contemporáneo”, explicou Asorey. O elenco que subirá ao Teatro Rosalía está formado por Melania Cruz, Fernando González, Fran
Lareu e Laura Míguez, as catro persoas que, xunto a Asorey, forman a compañía. O mesmo grupo estivo no ano 2013 no Fórum Metropolitano presentando a súa primeira obra, O home almofada.

 

As entradas

As entradas para ver a obra máis recoñecida do ano, e que forma parte da programación da R ede galega de teatros e auditorios , poden adquirirse desde 6,50 euros nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede de AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas) e no despacho de billetes do propio Teatro Rosalía os días de función (de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas), ademais de no servizo de televenda 902502500 (de luns a sábado, de 08.00 a 22.00 horas) e na web www.ataquilla.com. Como en todo o Ciclo Principal, haberá descontos para as persoas desempregadas, usuarias do carné xove e maiores de 65 anos.

 

Chévere no ciclo ‘Sen Numerar’

A programación do mellor teatro galego do momento esta fin de semana completarase coa actuación do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, dentro do ciclo ‘Sen Numerar’ do Fórum Metropolitano. A compañía, gañadora tamén de 3 premios na última edición dos María Casares coa súa U ltranoite no país dos ananos (mellor música orixinal, texto orixinal e autor secundario), levará ao auditorio do Parque Europa a nova montaxe “As fillas bravas”, coa que
segue explorando as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar á sociedade fronte á violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres.

As actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar actuarán baixo a dirección de Xesús Ron. As entradas de ‘Sen Numerar’ teñen un custo en venda anticipada de 6 euros. O día da función o prezo será de 9 euros, agás para todas aquelas persoas que gocen dos descontos habituais (maiores de 65, posuidoras de carné xove e desempregadas), que será de 7 euros. Poden adquirirse nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas), a través do servizo de venda telefónica 902504500, da web http://www.ataquilla.com e no propio despacho de billetes do Fórum Metropolitano desde unha hora antes do inicio de cada un dos espectáculos.

Deja un comentario