Galería

Xulio Ferreiro amósase sorprendido polo feito de que “o PP se queira converter, en etapa preelectoral, no defensor do funcionariado”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, amosou este luns a súa sorpresa antes as últimas declaracións do grupo municipal do PP acerca da devolución dunha parte da paga extra devengada do ano 2012 aos funcionarios e ás funcionarias do Concello. “O noso compromiso o primeiro día foi, e non porque o poña a lei senón porque cremos que é de xustiza, pagar esa porcentaxe da paga extra retida o máis axiña que se poida. Se pode ser en 2015 e, se non, nas primeiras semanas de 2016”, indicou o rexedor. “Despois de catro anos de baixada sistemática do remanente de tesourería neste Concello, este Goberno traballa arreo para que isto non siga así. Afrontaremos o abono da paga extra tan axiña como se poida”, destacou o primeiro edil coruñés. “O que parece bastante curioso, é que o PP se queira converter agora no defensor do funcionariado, despois de anos de desconfianza sistemática nos traballadores públicos, e de que cando, supostamente, as cousas ían ben, aos empregados e empregadas públicas se lles conxelou o salario, facéndolles perder poder adquisitivo”, recordou.

“Isto ocorreu baixo os gobernos do PP, con Aznar, con Rato e agora con Rajoy… É necesario ser un pouco máis serios, xa que quen quitou a paga extra, agora pretende devolvela como regalo de Nadal preelectoral”, engadiu Ferreiro, quen, por outro lado, quixo desvincular a devolución da paga extra do modificativo de crédito que, previsiblemente, se aprobará mañá martes en Pleno extraordinario, e que servirá para poder facer fronte ás facturas impagadas derivadas da anterior etapa de goberno do PP. “Entendemos que non haberá ningún problema para dar luz verde mañá ao modificativo de crédito”, explicou Ferreiro, quen comentou ante a prensa que esta mesma xornada falou do tema co voceiro do grupo socialista.

No Pleno extraordinario deste martes, tamén se debaterá, segundo hoxe se aprobou na Xunta de Goberno local, a composición do Tribunal Económico Administrativo Municipal (TEAM). “Non é a composición ideal, a que nos gustaría; había dúas prazas vacantes e nós quereriamos ter chegado a nomes de consenso, técnicos, perfís que non tivesen cariz político… pero non puido ser e non nos causa problema dicilo. O esencial e o responsable nestes momentos era ter un TEAM que puidese informar as ordenanzas fiscais”, indicou o primeiro edil coruñés, que recordou que a proposta dos grupos municipais de PP e PSOE pasou por nomear un representante cada un. “Nós limitámonos a manter ao actual presidente do TEAM, xa que entendemos que non hai motivos para cesalo”, apuntou.

Con respecto á subrogación do cadro de persoal da antiga á nova concesionaria do servizo municipal da ORA, Ferreiro indicou que o Concello estudará se son certas as alegacións de Setex, que argumenta que ao redor de 10 empregados e empregadas non foron subrogados xa que, segundo Setex, Vendex (a anterior responsable deste servizo) non tiña adscrito dito persoal ao servizo da ORA. “Se isto é certo, o Concello tería abonado a Vendex un canon que non se correspondería cos
custos reais de explotación do servizo. Por iso é necesario saber se este servizo estivo correctamente fiscalizado en anos anteriores. Se a acusación é certa, trataremos de recuperar o diñeiro que se pagou de máis a Vendex”, aclarou. Con independencia do anterior, o Goberno municipal fiscalizará e controlará o cumprimento polo actual concesionario das súas obrigas de subrogación, de acordo cos pregos e o Convenio colectivo de aplicación, así como a adscrición ao servizo do persoal
comprometido na súa oferta.

de boletincoruna Publicado en Noticias

Deja un comentario